TIC Arqueolóxico e Lugo Cóidate achegan formación a 31 persoas desempregadas

xoves, 4 de xaneiro do 2018 Redacción

Os participantes na iniciativa TIC Arqueolóxico de Lugo, dirixida a dinamizar o Vello Cárcere a través das novas tecnoloxías, mostraron hoxe o seu traballo perante os responsábeis do Concello de Lugo e da Xunta. Máis polo miúdo, amosárono perante a concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e máis o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro. Amais de coñecer o obradoiro TIC Arqueolóxico, Prieto e Balseiro tiveron oportunidade de informarse en detalle do desenvolvemento de Lugo Cóidate, outra proposta de formación teórica práctica do Concello. Os dous programas, impulsados polo Goberno local e con financiamento da Xunta, están a favorecer a inserción laboral de 31 desempregados lucenses no eido do patrimonio e o benestar social. Levan tres meses en marcha e rematarán a finais de marzo o Lugo Cóidate e a finais de xuño o TIC Arqueolóxico.
Ambas accións forman parte do compromiso do Goberno local coa creación de emprego, aínda sendo unha competencia da Xunta e da Administración central.
O obradoiro TIC Arqueolóxico, con 224.000 euros de orzamento, ten como obxectivos a posta en valor e comunicación do patrimonio histórico de Lugo e, asemade, facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos fornecéndoos de coñecementos para a súa posterior inserción laboral. Ademais, búscase impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía.
Segundo a proposta municipal, aprobada integramente pola Xunta, este obradoiro ten unha duración de 9 meses. Entre as actuacións principais que se contemplan nas diferentes especialidades formativas atópase a catalogación e dixitalización en 3D de bens pezas arqueolóxicas achadas na cidade, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dunha canle cultural.
En canto ao obradoiro Lugo Cóidate, conta cun orzamento de 135.000€, 6 meses de duración e 15 beneficiarios, neste caso, menores de 30 anos. Ofrécese formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas.

PUBLICIDADE