TELGalicia promove entre os estudantes a ciencia da programación de computadores “tamén en galego”

xoves, 6 de novembro do 2014 Redacción

O profesor Manuel Caeiro, coordinador da rede de investigadores TELGalicia

Co gallo da quinta edición do Día da Ciencia en Galego (o pasado 4 de novembro) nestes días estanse a desenvolver numerosos actos nos centros educativos, nas universidades e noutras institucións que pretenden que o alumnado aprenda ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre as posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma. E neste marco científico-galego, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e a rede de investigadores TELGalicia organizou unha videoconferencia na que o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e coordinador da rede, Manuel Caeiro, achegou a máis de 4200 alumnos do 2º ciclo de ESO e Bacharelato de 75 centros escolares de toda Galicia a ciencia da programación de computadores "tamén en galego”.
Deste xeito, na súa intervención Caeiro introduciu a historia da programación de ordenadores dende a orixe do algoritmo dos árabes pasando por Ada Lovelace e Alan Turing para chegar á estrutura dos computadores actuais e os paradigmas de computación máis empregados, amosándolle ao alumnado ferramentas coas que é moi doado programar (ferramentas Scratch e Squeak), para que poidan facer, tamén en galego, os seus programas. Asemade, alumnos e alumnas tiveron tamén a oportunidade de dirixirlle preguntas de xeito sinxelo a través dun chat na propia sala virtual da videoconferencia.
Engadir, por último, que os colectivos convocantes (Agapema, Apetega e Enciga) e as institucións e entidades que se suman a esta data reivindicativa (4 de novembro), como a propia coordinadora e TELGalicia, expresaban deste xeito que as linguas -neste caso o galego- apréndense usándoas en todos os contextos.

PUBLICIDADE