TELGalicia presenta unha aplicación que fai realidade as clases 3.0

venres, 3 de xullo do 2015 Redacción

Hoxe celebrouse finalmente a xornada sobre recursos docentes abertos de TELGalicia que avanzamos dende Código Cero os días pasados e o encontro serviu, entre outras cousas, para dar a coñecer un destes recursos: unha aplicación para facilitar a mestras e mestres de Primaria e Secundaria a dixitalización do seu traballo diario nas aulas. En palabras dos seus responsábeis e tal e como reflicte a UVigo, trátase dunha ferramenta “para facer realidade as clases 3.0”. A rede TELGalicia, integrada por dez grupos de investigación das tres universidades galegas, o CESGA e Gradiant, celebrou a súa xornada (a oitava xa) na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O encontro contou coa presenza de integrantes da rede tamén coa participación de especialistas internacionais en recursos educativos abertos, entre eles Ignasi Labastida, referencia en Creative Commons e no movemento aberto en España.
A aplicación presentada, dada a coñecer con vistas ao vindeiro cursos, é a plataforma Edu-AREA, unha aplicación para dispositivos móbiles Android acabada de publicar no Google Play e que xa está dispoñíbel para libre descarga. A ferramenta, deseñada polos investigadores de TELGalicia, permite que os mestres poidan acceder aos cursos habilitados na web de Edu-AREA a través das súas tabletas ou teléfonos móbiles, seguir os plans e facer trocos nos mesmos, introducindo novas actividades, rexistrar observacións, e subir fotos, vídeos ou outro tipo de ficheiros. En definitiva, fíxose saber na presentación, a través desta plataforma, “un profesor pode facer cousas como seguir durante a aula o seu plan de clase actividade a actividade vendo os recursos e as orientacións que preparou e, cando o considere oportuno, facer unha foto ou gravar un vídeo para recoller algo que lle chama a atención”. Por certo que Edu-AREA achega operatividade aínda que o dispositivo non conte con conexión a Internet, o que o fai moi axeitada para abranguer tamén actividades ao aire libre. A aplicación dispón tamén dunha funcionalidade para a localización e esluído de facianas nas fotografías. Isto posibilita manter o anonimato dos nenos ou adolescentes “e manter así coas normas de moitos centros de ensino non universitario”.

PUBLICIDADE