StreamYard permite realizar directos en vertical

venres, 12 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

A disposición do Instagram Live Producer a creadores e empresas abriu a porta a grandes posibilidades para a realización de directos complexos e con acabados profesionais, xa que permite realizar retransmisións a través de aplicacións especializadas e non só dende a cámara do móbil, e unha das compañías que se está a adaptar mellor a estas novas posibilidades é StreamYard, que ofrece unha solución web para facer directos en distintas plataformas.
Esta solución en liña non só incorporou Instagram entre os destinos dos seus directos, senón que incluso foi máis aló, e esta mesma semana activou a posibilidade de que o sistema de realización dos directos poida configurarse en orientación vertical. Deste xeito é máis doado facer directos orientados a dispositivos móbiles, contando con todas as funcionalidades propias de StreamYard, como alternar entre distintas composicións en función do número de participantes no directo, sobreimprimir grafismos, reproducir vídeos e incluso amosar comentarios das diferentes plataformas sociais nas que se estea a realizar o directo (xa que a plataforma permite simultanear emisións).
Os directos en vertical aínda non contan con todas as funcións (por exemplo, carecen do composicións personalizadas), pero prometen continuar a mellorar esta nova modalidade de directos nos vindeiros meses. Queda por ver se no futuro conseguen unha modalidade de directo na que poder combinar retransmisións en horizontal e vertical en función do destino da emisión, o que permitiría aos creadores de contidos chegar a un público moi amplo ao mesmo tempo.

Vídeo de presentación dos directos en vertical dende StreamYard

PUBLICIDADE