Steven Sinofsky presenta a adaptación de Windows 8 aos tablets

xoves, 2 de xuño do 2011 Marcus Fernández

O evento D9: All Things Digital continúa a ser un escaparate dalgunhas novidades tecnolóxicas que terán certa relevancia nos vindeiros meses, e que preséntanse coa escusa de entrevistas a directivos, como o caso de Steven Sinofsky, presidente da división de Windows en Microsoft, que respondeu a preguntas de Walt Mossberg, centrándose especialmente no mundo dos tablets, un tipo de produto emerxente ao que Microsoft chega tarde, e no que está a centrar moitos esforzos para chegar á altura dos seus competidores, de aí que estrean a aproveitar os avances en interface de usuario de Windows Phone 7 para o futuro Windows 8 adaptado a tablets.
O Windows 7 xa presentaba elementos táctiles, que hoxe podemos aproveitar en distintos equipos, pero cunha experiencia de uso moi diferente á dos tablets como o iPad, e non soportando hardware específico para dispositivos móbiles (como os populares procesadores ARM), pero iso está a mudar, e o Windows 8 procurará superar todas esas eivas, e para demostralo, convidou a subir ao escenario de Ranchos Palos Verdes (California) a Julie Larson-Green, para amosar un prototipo do futuro sistema operativo táctil de Microsoft, que supón toda unha revolución na súa interface, distanciándose enormemente aos Windows de escritorio.
O Windows 8 contaría con aplicacións baseadas nun novo concepto de xanelas baseadas en HTML5 e Javascript (aceptando tamén aplicacións tradicionais, que presentarían a mesma aparencia que correndo baixo Windows 7), contando cunha pantalla de inicio composta por celas dinámicas que operan coma widgets, de xeito que poden servir para realizar buscas, amosar información meteorolóxica, abrir unha aplicación a pantalla completa, lembrar unha cita na nosa axenda… conta cun teclado virtual que facilita o seu uso cos dedos polgares, e mesmo cun cliente de Twitter pensado no seu uso táctil (de xeito que podemos arrastrar fotografías para compartilas cos nosos seguidores dun xeito moi intuitivo).
Para coñecer máis detalles do vindeiro Windows 8 deberemos agardar a una conferencia que terá lugar a mediados de setembro en Anaheim, aínda que mentres podemos ver un vídeo de presentación que resulta moi prometedor:

PUBLICIDADE