Steve Jobs volve a ausentarse temporalmente de Apple por problemas de saúde

luns, 17 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Imaxe de Steve Jobs en 2010

A saúde de Steve Jobs é un tema que está recorrentemente nos medios de comunicación, e aínda que dende Apple tenden a agochar información ao respecto por considerar que pertence ao ámbito persoal do seu director xeral, o certo é que a presenza activa de Jobs na compañía déixase notar, especialmente á hora de captar a atención ante a presentación de novos produtos, de aí que a moitos preocupe que a cara visible de Apple remitise un correo electrónico aos seus traballadores informando de que se lle concedeu unha baixa médica, de xeito que abandonará temporalmente o seu traballo diario, aínda que non deixará o seu cargo na cúpula directiva de Apple.
Tim Cook será quen leve o temón da compañía como xa aconteceu hai un par de anos, polo que non é de agardar que afecte considerablemente ao funcionamento interno de Apple, mentres que de cara ao público solicitan que se respecte a intimidade familiar de Jobs.
Pero reiteramos que a saúde de Steve Jobs si é de interese xeral, e así o están a demostrar os mercados bolsistas internacionais (hoxe non hai cotización en Wall Street) nos que Apple está a perder valor (rexistrou unha caída do 9,7% en Frankfurt), en boa medida porque a compañía de Cupertino non ten un plan de sucesión coñecido.

Tras o anuncio da baixa de Jobs as accións de Apple no mercado de Frankfurt caeron un 9,7%

PUBLICIDADE