Steve Ballmer perfila cambios nos obxectivos de Microsoft

mércores, 10 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Cando Microsoft anunciou Surface sorprendeu por entrar de xeito tan decidido no mundo do hardware, no que tiña unha presenza moi reducida para manter certa neutralidade no mercado, posto que a meirande parte dos fabricantes de equipos informáticos de todo o mundo instalan Windows nos seus equipos, pero parece que estamos só ante a primeira xogada nesta dirección, segundo despréndese dunha carta que asina Steve Ballmer, director xeral de Microsoft, para accionistas da súa compañía, na que recoñece que están nun proceso de cambio fundamental nos seu negocio, que agora pasará a centrase en dispositivos e servizos.
Ballmer asegura que continuarán a traballar cun numerosos socios para colocar no mercado un amplo abano de ordenadores, teléfonos e tablets con Windows, matizando que ao igual que no seu día apostaron pola Xbox como consola de videoxogo e agora preparan Surface, poderán lanzar novos produtos de seu no futuro, aínda que principalmente busquen unha boa combinación entre dispositivos fabricados polos seus colaboradores e servizos desenvolvidos por Microsoft.
Windows 8 vai ser o grande exemplo da revolución na que está involucrada Microsoft, pois nos vindeiros meses imos ver numerosos equipos innovadores que abrazarán tamén distintos servizos na nube, tanto para uso profesional como para o lecer electrónico, no que podería entenderse como un achegamento á estratexia global de Apple, pero coa amplitude de miras de Microsoft, que en boa medida basea a súa fortaleza nos servizos a empresas e administracións públicas, que tamén permitirán numerosas oportunidades de negocio.
O máximo responsable de Microsoft remata a súa misiva asegurando que van enfocar os seus esforzos en desenvolver novos xeitos de utilizar dispositivos mediante o tacto, os xestos e a fala, facer a tecnoloxía máis intuitiva e capaz de aprender, construír servizos na nube para achegar novas experiencias a particulares e empresas, consolidar Windows como unha plataforma presente en ordenadores, tablets, teléfonos, servidores e na Rede, e desenvolver innovacións que poidan mudar a vida da xente.

PUBLICIDADE