Stephen Hawking recibirá en Compostela o Premio Fonseca

mércores, 13 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Hawking coa súa filla durante a conmemoración do 50 aniversario da NASA

O 27 de setembro farase entrega no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia do Premio Fonseca 2008, que nesta primeira edición recae na figura do científico británico Stephen Hawking, recoñecido polos seus traballos sobre os buracos negros e pola súa labor de divulgación científica.
O propio Hawking participará en distintos actos durante esa mesma semana en Compostela, xuntándose con investigadores da USC na Facultade de Físca, descubrindo unha placa no Parque de San Lázaro ou presentado en España o seu último libro, La clave secreta del universo (unha novela infantil escrita coa axuda da súa filla) no Instituto compostelán Rosalía de Castro.
O xurado decidiu galardoar a Hawking pola «súa excepcional mestría na popularización de conceptos complexos da Física no borde último da nosa comprensión do Universo, combinada coa máis alta excelencia científica».

PUBLICIDADE