Stephen Hawking aposta pola novela xuvenil para introducir aos cativos na tecnoloxía e a ciencia

martes, 16 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Nunha das pasaxes máis significativas do último libro de Stephen Hawking (que vén de chegar a nós de mans da editorial Montena e co título La clave secreta del Universo), un cativo que leva anos devecendo por ter un computador para acceder ao coñecemento en liña e (tamén) para xogar ten que facer todo o que consideraba inimaxinable por salvar a vida dun personaxe sobre o que recae o futuro da Terra: un equipo informático especialmente potente. Este equipo, segundo nos conta Hawking na súa obra, é unha chave para chegar a calquera recanto do Espazo e, de xeito indirecto, unha canle de primeira orde para coñecernos a nós mesmos (posto que, segundo nos conta o autor, todos estamos feitos de estrelas).
Hawking, que estará en Compostela a partir do día 23 de setembro para –entre outras cousas- facer un pequeno treito do Camiño, ter un encontro coa comunidade científica e coa presa ao día seguinte e recibir o día 27 o Premio Fonseca 2008, aposta con esta novela acabada de publicar por subir un chanzo máis no seu labor de décadas a prol da divulgación científica e tecnolóxica. Só que a través dun formato diferente: o dun libro para a mocidade e para cativos, didáctico, moi ameno e, sobre todo, encamiñado a quitarlle ferro ao día a día de todas aquelas persoas que traballan en centros de investigación abrindo novas portas para o progreso científico.
Non é casualidade que o protagonista desta obra deveza por ter un computador e, ao mesmo tempo, medre nunha familia pacifista e antisistema que se sitúa en contra de calquera tipo de innovación. Hawking, coa axuda da súa filla Lucy (escritora de profesión), non toma partido directamente pero de xeito sutil lanza unha serie de ideas desas que fan abrollar entre os nenos a semente dunha carreira científica: así como a ciencia ten parte de culpa no que lle está a pasar ao mundo, tamén ten capacidade abonda para axudar a salvalo. Ou sexa, que é perfectamente compatible estar na Rede e ao mesmo tempo ser un activista a prol da liberdade, a paz e a conservación do medio ambiente.
Ao máis puro estilo Harry Potter (incluíndo un profesor malvado con diversas cicatrices), o científico e escritor probablemente non provocará entusiasmos entre os lectores máis experimentados, pero case seguro que gustará, e moito, a nenos e nenas cansos de que se lles fale dos logros da investigación e máis concretamente da física, da tecnoloxía e da astronomía coma se fosen unha sucesión de números e feitos e nada máis.

PUBLICIDADE