Starlink ofrece agora Internet por satélite a 70 euros/mes

martes, 30 de agosto do 2022 Marcus Fernández

O prometedor servizo de acceso á Rede mediante satélites de baixa altura de SpaceX, Starlink, chegou hai poucos meses a España cuns prezos moi elevados, que na anterior actualización quedaban en 699 euros iniciais e 108 euros/mes, dando a impresión de que este servizo quedaba cada vez máis reducido a un público moi específico, pero agora que a compañía está a preparar a segunda versión do servizo (que permitirá comunicacións móbiles) sorpréndenos cunha baixada de prezo, de xeito que agora o equipamento para conectarse a Starlink custa 390 euros e o servizo 70 euros/mes no caso de conexións fixas (o que xa está preto do que custaron moitas conexións de banda larga hai anos).
As conexións con posibilidade de portabilidade, ou sexa, que eran válidas para usuarios en movemento (por exemplo, os que querían gozar de conexión durante as vacacións ou en autocaravanas) tamén se beneficia da nova política de prezos, quedando a súa tarifa mensual en 85 euros.
A esta baixada de prezos puido ter contribuído o cambio do modelo de antena empregada por parte dos usuarios (que entendemos que é máis barata) e o incremento notable do número de usuarios (que nalgúns territorios traduciuse nun deterioro claro da calidade do servizo), pero o que agora está claro é que estamos ante un servizo de banda larga que moitos máis poderán ter agora en conta para poder gozar de boas telecomunicacións alí onde non chegan a banda larga fixa e móbil.

PUBLICIDADE