Squirrel facilita o uso de Pocket en Windows Phone 8

venres, 27 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Un dos servizo en liña que aínda non conta con aplicación oficial para Windows Phone é Pocket (antes Read It Later) e para salvar tal eiva existen varias aplicacións cliente entre as que podemos destacar a nova Squirrel, que cun coidado deseño e numerosas funcionalidades pode sorprender por poder adquirirse por 1,99 euros ou probarse de balde sen limitacións, de xeito que a compra do programa é algo opcional para os que desexen apoiar o traballo do desenvolvedor da aplicación móbil, Scott Lovegrove.
Squirrel permite ler fóra de liña os contidos almacenados en Pocket, administrar os artigos (borrar, arquivar e marcar como favoritos), administrar as etiquetas dos artigos, amosar o número de artigos na baldosa activa da aplicación, personalizar o modo de vista dos artigos (tamaño de letra, tema, xustificación do texto) e incluso a posibilidade de que a aplicación lea os artigos en voz alta.

PUBLICIDADE