Spotify proba as subscricións para parellas

xoves, 28 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Compañías como Netflix fan en moitas ocasións experimentos nalgúns dos seus mercados locais para probar a recepción dos consumidores antes novas políticas de prezos, e desta volta é Spotify a que está a comprobar se existe demanda dun plan de pagamento intermedio entre o Premium ordinario e o Plan Familiar, que custan 9,99 euros e 14,99 euros respectivamente, de xeito que en territorios como Irlanda poden agora contratar o Premium Duo, un servizo orientado a parellas, que pagarán 12,49 euros/mes para poder gozar da súa música de xeito independente.
Con Spotify Premium Duo teremos dúas contas de Spotify independentes, pero unha única factura, contando con todas as prestacións propias das contas Premium: con reprodución fóra de liña, sen publicidade e con total liberdade á hora de reproducir música. Amais, os usuarios que actualmente teñan Spotify Premium e queiran pasar as súas contas a Premium Duo non perderán os seus datos actuais.
Haberá que ver a aceptación que ten esta nova modalidade, pero parece bastante probable que vaiamos vela en todo o mundo en breve.

PUBLICIDADE