Spotify permitirá reproducir os audiolibros de Storytel

xoves, 20 de maio do 2021 Marcus Fernández

Coa publicación de podcasts Spotify deixou claro que o seu negocio é o audio, non exclusivamente a música, e reforzando esa idea anuncian agora que chegaron a un acordo de colaboración coa plataforma de audiolibros Storytel, que chegou a España en 2017, para que os seus usuarios poidan ligar as contas en ambas plataformas, de xeito que os usuarios poderán gozar da reprodución de audiolibros dende Spotify.
Esta alianza é grazas á existencia da Open Access Platform, sistema que achega aos oíntes unha maior variedade de contidos á vez que facilita que os que o explotan comercialmente teñan novas canles de distribución á vez que manteñen o control sobre o seu modelo de negocio.
Os audiolibros de Storytel chegarán a Spotify ao longo do presente ano, e podemos entender que deste xeito amplíanse as posibilidades de Storytel, xa que os seus contidos paran a estar accesibles a través dos numerosos dispositivos que actualmente son compatibles con Spotify, sen que Storytel teña que desenvolver solucións específicas para cada plataforma.

PUBLICIDADE