Spotify organizará concertos virtuais

xoves, 20 de maio do 2021 Marcus Fernández

Spotify continúa a incorporar novidades para manter a atención sobre a súa plataforma musical, entre as que destaca unha funcionalidade moi interesante que chegará nas vindeiras semanas: a transcrición automática de podcasts. Deste xeito, non só poderemos ler os contidos sonoros dun podcast, senón que cando queiramos localizar un momento da gravación sonora tamén poderemos facelo mirando á súa versión en texto, polo que unha prestación pensada na accesibilidade convértese nunha utilidade moi práctica para calquera.
Outro anuncio bastante rechamante por parte de Spotify é a programación dunha serie de concertos virtuais que veñen a ser gravacións de actuacións en vivo que emitiranse en directo. Estas retransmisións en directo buscan que os seareiros poidan apoiar aos seus músicos favoritos acudindo virtualmente aos seus concertos, para o que tamén terán que pasar polo despacho de billetes virtual, pagando 16 euros por cada actuación. O primeiro concerto será o de The Black Keys o 27 de maio, e nos seguintes xoves actuarán Rag’n’ Bone Man, Bleachers, Leon Bridges e girl in red. Os espectáculos durarán entre 40 e 75 minutos, e resultará sumamente interesante comprobar se o público está disposto a pagar por escoitar concertos gravados nun contexto no que acudir aos espectáculos presenciais multitudinarios non é posible.

PUBLICIDADE