Spotify diversifica as súas modalidades de acceso

martes, 18 de maio do 2010 Marcus Fernández

O servizo de reprodución musical a través de streaming, Spotify, vén de ampliar os seus sistemas de subscrición, de xeito que ao ser servizo de balde accesible por invitación (con acceso ilimitado ao seu catálogo musical, incluíndo publicidade) e ao seu servizo Premium (que por 9,99 euros/mes permite un acceso ilimitado aos seus contidos a través de ordenador e dispositivos móbiles) súmaselle Spotify Open (que non precisa de invitación pero ten tanto publicidade coma un límite de 20 horas de música ao mes) e Spotify Unlimited (que por 4,99 euros/mes ofrece acceso ilimitado ao seu catálogo musical dende o ordenador e sen publicidade).
Esta diversificación de paquetes podería contribuír a mellorar o número de usuarios do servizo (uns 7 millóns) e, especialmente, o número de usuarios de pagamento (actualmente uns 300.000), pois a apertura sen invitación ao servizo, así como a rebaixa de prezo para os usuarios que non fagan uso das aplicacións móbiles de Spotify fan máis popular o servizo.

PUBLICIDADE