Spotify comeza a realizar listaxes de podcasts recomendados

martes, 19 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Un dos puntos fortes de Spotify dende os seus inicios foi o seu sistema de recomendación musical, estando os seus usuarios afeitos a que o sistema aprenda dos seus gustos para realizar listaxes de reprodución musical satisfactorias de escoitar e agora, seguindo esta mesma liña, aos Daily Mix e á listaxe de Descubrimiento semanal únese Your Daily Podcast, unha listaxe de reprodución de podcasts que facilita o acceso aos nosos podcasts favoritos á vez que anima a descubrir podcasts novos.
Para que esta nova opción estea visible é preciso que o usuario escoitase un mínimo de 4 podcasts nos últimos 90 días, estando tamén limitada esta funcionalidade, polo momento, a EE.UU., Reino Unido, Alemaña, Suecia, México, Brasil, Canadá, Australia e Nova Zelandia.
Esta nova listaxe de reprodución analiza o comportamento que teñamos cos podcasts (as reproducións e os seguimentos máis recentes), baseándose no historial de escoitas e no tipo de podcasts recomenda os mellores episodios para escoitar a continuación e o sistema ten en conta os programas secuenciais (ou sexa, os que narran unha historia en capítulos) de xeito que no caso de recomendar un podcast deste tipo reproducirá un tráiler ou a primeira entrega para evitar spoilers.

PUBLICIDADE