Spotify chega a un acordo extraxudicial con Wixen Music

luns, 24 de decembro do 2018 Marcus Fernández

A xestión de dereitos de autor é unha tarefa complicada, e non sempre está claro quen é o propietario dos contidos, o que dificulta moito o traballo de certas plataformas en liña como Spotify, que segundo Wixen Music Publishing tería vulnerado os dereitos dos seus representados ao ofrecer uns dez milleiros de cancións sen contar coa respectiva licenza nin compensar economicamente por tal explotación comercial.
Na demanda presentada ante un tribunal federal de California, Wixen esixía a Spotify 1.600 millóns de dólares en concepto de danos por ofrecer temas como Free Fallin’ de Tom Petty ou Light My Fire de The Doors, pero finalmente a pugna xudicial rematou cun acordo do que non se desvelou a cantidade económica acordada entre as partes.
Deste xeito Wixen Music Publishing inicia un acordo de colaboración con Spotify que inclúe a compensación por dereitos de autor pasados.
Lembremos que Wixen representa a artistas como Tom Petty, Zach de la Rocha e Tom Morello (Rage Against The Machine), Dan Auerbach (The Black Keys), Donald Fagen (Steely Dan), Rivers Cuomo (Weezer), David Cassidy, Kim Gordon (Sonic Youth), Stevie Nicks e Neil Young, que son o suficientemente coñecidos como para que a súa reclamación puxese o foco sobre un problema de Spotify, que segundo a demanda, estaría a explotar sen a licenza necesaria o 21% do seu catálogo de máis de 30 millóns de cancións.

PUBLICIDADE