Sorprenden actualizando os efectos especiais de Cats tras a súa estrea en cines

luns, 23 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Este Nadal chega aos cines españois o filme Cats, adaptación á pantalla grande do clásico musical, que desta volta en vez de apostar por disfraces e maquillaxe tirou de imaxes xeradas por ordenador sobre as que incrustar as faces dos intérpretes, cun resultado moi discutible, o que valeulle á produción unhas moi malas críticas, e a reacción foi algo sen precedentes, xa que hai salas de exhibición cinematográfica que están a recibir novas copias da película con «algunhas melloras en efectos visuais».
Esta produción cun orzamento dos 100 millóns de dólares semella que distribuíuse nunha versión que poderiamos considerar sen rematar, para cumprir coa data de lanzamento comprometida (a ­premiere norteamericana foi o pasado día 16, chegando a salas comerciais o día 20), para entregar logo aos exhibidores unha versión actualizada da obra, dispoñible dende a pasada noite vía satélite e a partires do martes en disco duro, descoñecéndose se a copia que chegará a España será xa a actualizada.
O curioso da actualización é que esta práctica non ten precedentes no mundo do cine, senón que é propia do sector dos videoxogos, nos que os parches do día 1 convertéronse nalgo especialmente molesto, xa que indica que as compañías distribúen xogos con grandes fallos sen corrixir, de xeito que a copia física non se corresponde co produto final, sendo preciso ás veces varias actualizacións para poder gozar do xogo en condicións dignas. Se esta tendencia se traslada ao mundo do cine pode ser todo un problema, principalmente por poder ensombrecer as estreas.

PUBLICIDADE