Sony volve a perdas pese ás boas vendas de PS4 e móbiles

mércores, 14 de maio do 2014 Marcus Fernández

A compañía nipoa Sony non está a pasar por un bo momento, segundo pode verse nos resultados financeiros que vén de publicar, nos que fai balance do ano fiscal que rematou o pasado 31 de marzo, e no que rexistrou unhas perdas netas de 128.400 millóns de iens (918,59 millóns de euros), de xeito que non foi capaz de manter os bos resultados do ano anterior (que fora a primeira vez nun lustro no que Sony non rexistrara perdas para os seus accionistas).
Estes resultados contrastan cun incremento de vendas interanual do 14,3%, grazas en boa medida a unha recuperación de posicións no mercado dos smartphones (con dispositivos como o Xperia Z e Z1, que conseguiron unha boa aceptación por parte do público) e cunhas impresionantes vendas da PlayStation 4 (que, en contraste coa anterior xeración de consolas na que Microsoft asestoulles un duro golpe, desta volta van dominando grazas a un prezo agresivo).
A área de negocio que parece estar lastrando os resultados sería a dos ordenadores VAIO, ao que habería que sumar os gastos por reestruturación da compañía, que introduciu varios cambios drásticos para adaptarse aos cambios de hábitos de consumo (cunha importante contracción do mercado dos contidos en soportes físicos).
Entre as apostas de Sony para mellorar os seus resultados está a produción de televisores de ultra alta definición, que están a incrementar considerablemente as súas vendas pese aos seus elevados prezos e á ausencia case absoluta de contidos.

PUBLICIDADE