Sony reduce un 57% as súas previsións económicas para o presente ano fiscal

xoves, 23 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Dende Sony non paran de recibir desgustos, e o mal funcionamento comercial non é a única decepción da compañía nipona, senón que a conxuntura económica actual está a provocar unha redución importante nos resultados económicos da empresa para Sony, que estimaba rematar marzo de 2009 cuns beneficios anuais de 470.000 millóns de iens (3.760 millóns de euros) pero tivo que modificar as súas previsións para axustalas ao descenso da demanda dos seus produtos (especialmente nos EE.UU.) de xeito que agora se confirmarían con rematar o ano fiscal cuns beneficios de 200.000 millóns de iens (1.600 millóns de euros) o que é un recorte moi importante pero que incluso podería resultar demasiado ambicioso según certos analistas, coma Atul Goyal, que asegura que as previsións de Sony continúan a ser pouco realistas, e prevé uns beneficios para o fabricante xaponés de 50.000 millóns de iens (400 millóns de euros).
Sony leva varios anos intentando recuperar os seus bos resultados económicos e restaurando a súa imaxe de calidade, o que parecían acadar grazas á liña de televisores Bravia, pero que apenas dá para compensar os malos resultados da PS3 (que leva un par de anos perdendo cartos) ou os escándalos por mor das baterías de portátiles defectuosas (que chegaban a incendiarse e das que tiveron que retirar millóns do mercado).

PUBLICIDADE