Sony presenta un formato de disco chamado a suceder ao Blu-ray

luns, 10 de marzo do 2014 Marcus Fernández

O Archival Disc pretende servir para almacenar ata 1 Tb de información nun único disco

Parece evidente que tras a reducida penetración do Blu-ray, que pese a tomar o relevo do DVD non conseguiu a súa adopción masiva, os soportes físicos téñeno moi complicado para o mercado de consumo masivo, pero no mercado profesional segue a existir unha demanda de almacenamento masivo en discos ópticos, de aí que Sony en colaboración con Panasonic propoña un novo estándar de disco, o Archival Disc, que busca servir como almacenamento de datos dixital a longo prazo, aproveitando as propiedades dos discos ópticos, que son resistentes ao po, á auga e incluso a cambios de temperatura e humidade (se están debidamente almacenados).
Para a evolución deste formato xa teñen definido un itinerario que comezaría no verán de 2015 con discos cunha capacidade de 300 Gb, que irían mellorando paulatinamente ata conseguir unha capacidade máxima de 1 Tb nun único disco de dobre cara e tripla cara.
Estamos ante un formato que ten moitas bazas para suceder ao Blu-ray, non como soporte audiovisual, senón como unidade de almacenamento de datos para conservar grandes volumes de información (algo para o que actualmente o Blu-ray tamén resulta moi atractivo, por mor da súa capacidade e do seu prezo axustado).

PUBLICIDADE