Sony cualifica de “roubo” a copia persoal dun CD adquirido legalmente

mércores, 3 de outubro do 2007 Raquel Noya

En cuestión de compra de CDs virxes, aínda non as temos todas connosco: sabemos que o que facemos é perfectamente legal, pero algúns non podemos evitar a sensación de sermos observados nas tendas con detemento, dende o vendedor (que se cadra ten medo de que marchemos sen pagar correndo coa caixa de discos debaixo do brazo) até o resto dos clientes, que (imaxinamos) aproveitan a oportunidade para censurarnos.
Esta escena enleada vén a conto para poñernos en situación sobre o que vén de afirmar a xefa do departamento antipiratería de Sony BMG, Jennifer Pariser, nun xuízo que se está a celebrar en Minnesota sobre estes asuntos do dixital e da copia :“Se creas copias de CDs de música que comprastes previamente, estás a roubar”.
Segundo Pariser, a xente que ripea os seus propios CDs comprados legalmente para crear copias de seguridade ou para pasar esa música ós seus reprodutores multimedia “estanlle a roubar a Sony e a outras distribuidoras, o que lle provoca danos industria”.
A situación aínda non é preocupante nin, dende logo, tan extremista, pero é certo que se están a complicar as cousas para os coleccionistas de música, que non atopan nos CDs un formato seguro de abondo como para non ter que facer segundas ou terceiras copias.

PUBLICIDADE