Sony, a compañía mellor posicionada do sector

mércores, 29 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Seosolución, departamento do grupo Adesis dedicado á promoción en liña, vén de publicar unha serie de datos sobre o potencial das principais marcas de lecer electrónico nos buscadores. É dicir: sobre as opcións que teñen de aparecer máis e mellor que os outros. No estudo de posicionamento, que interesará máis aos internautas familiarizados co marketing en liña, sitúase a Sony como a empresa que máis visibilidade obtén nos servizos web de procura.
Ou sexa, que se andamos á busca de trebellos electrónicos e facémolo na Rede de calquera dos xeitos posibles, a multinacional xaponesa ten máis probabilidades de saírnos ao paso. O curioso é que Sony, malia a boa posición acadada a nivel de información en liña e ligazóns, está arestora a vivir un dos peores intres da súa traxectoria, cunha caída nos seus beneficios de máis do 70% con respecto ao ano pasado.
No estudo, amais de información puntual sobre o labor de promoción en liña de cada unha das empresas máis punteiras, tamén se achegan datos xerais sobre a súa actividade, e o máis salientable é que o seu índice medio de visibilidade é moi baixo en España. Logo de Sony, cun índice do 2,24%, viría Samsung, cunha taxa do 2,02%. O resto dos competidores acadarían unhas porcentaxes menores ao 1%, comezando por Pioneer (0,90%) e Philips (0,65%).

PUBLICIDADE