Sony Ericsson colabora cos desenvolvedores de ROM alternativas para os seus móbiles Xperia

luns, 3 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Karl-Johan Dahlström cun móbil de Sony Ericsson cunha ROM personalizada

Aínda que moitos fabricantes de móbiles con Android están a demorar excesivamente as actualizacións do sistema operativo de Google para os seus terminais, existen desenvolvedores independentes que fan as pertinentes adaptacións para poder gozar dunha experiencia de uso ao día e máis personalizada. Dende Sony Ericsson parecen ser conscientes do valor que supón contar con ROM personalizadas para os seus terminais e recoñecen o valor das mesmas dentro do ecosistema Android, polo que decidiron axudar a un grupo de desenvolvedores chamado FreeXperia para crear ROM baseadas en CyanogenMod para os últimos móbiles Xperia.
Nesta liña Sony Ericsson xa distribuíu hai uns meses unha solución para desbloquear o boot loader dos seus móbiles con Android para permitir a instalación de ROM non oficiais, aínda que dende a compañía insistente en que tal práctica debería limitarse a usuarios experimentados, xa que Sony Ericsson non pode garantir o correcto funcionamento dos seus móbiles con software alleo ao seu control.
De todos os xeitos, que Sony Ericsson non poña atrancos ao desenvolvemento para os seus terminais é unha grande nova para os seus usuarios, pois garante tanto unha maior dispoñibilidade de software como unha vida máis longa para os móbiles Xperia, pois unha vez que o fabricante deixe de soportalos, os desenvolvedores independentes poden seguir distribuíndo actualizacións retrasando a súa obsolescencia.

PUBLICIDADE