Sollesfaltafalar.org: recurso galego para informar polo miúdo de todo o que precisan os nosos cans

martes, 15 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Seguimos a falar de coidado aos animais canalizado a través das redes. Desta volta, traemos ao espazo mediático a web Sollesfaltafalar.org, a web oficial do Clube Canino galego. A páxina, que está coidada ao máximo dende o punto de vista do deseño e das posibilidades de comunicación (incluíndo novas, crónicas dos usuarios, fotografías e unha ben ampla listaxe de servizos) oriéntase de xeito xenérico a concienciar á sociedade de que un can é unha grande responsabilidade e que, antes de apostar pola adopción, cómpre verificar que se cumpren unha serie de requirimentos, tanto pola nosa parte como pola do propio animal.
Neste senso, a páxina incorpora recursos de todo tipo que nos axudarían a saber cal é o can máis axeitado para o noso contorno e a onde cumpriría acudir no caso de que convivamos con animais potencialmente perigosos.
A web, que contou para a súa posta en marcha coa colaboración do Concello de Santiago, preséntase deste xeito como un gran taboleiro virtual dirixido a resolver o meirande número de dúbidas acerca das vantaxes e as necesidades dunha convivencia presente ou futura con compañeiros de catro patas. Inclúe un apartado sobre exemplos concretos de convivencia e de aventuras conxuntas (xusto na pantalla de inicio), información sobre as vantaxes mutuas (para nós e para os cans) dunha amizade, formularios para inscribirnos no clube, relación completa de actividades (saídas, excursións, obradoiros) e recursos de primeira man para todo o que teña que ver co coidado ao animal (listaxes de veterinarias, aulas de formación, encontros deportivos, etc).
Asemade, e como un dos seus puntos máis salientables, a web incorpora un banco de tempo e máis un servizo de paseadores de cans, ámbolos dous recursos encamiñados a posibilitar unha atención máis cumprida aos nosos cans: o primeiro deles favorecendo o intercambio de labores de coidado entre as persoas integrantes e o segundo facilitando o contacto entre donos de cans e profesionais que se dedican a cubrir coa súa atención o tempo en que aqueles non poden ser atendidos.

PUBLICIDADE