Soft Control presenta en Vigo (CONXEMAR) un innovador programa para firmas de conxelados

venres, 2 de outubro do 2015 Redacción

O vindeiro 5 de outubro abre as súas portas en Vigo a xuntanza CONXEMAR (Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados) e as empresas de novas tecnoloxías aplicadas ao sector marítimo en calquera das súas facianas xa se preparan para dar a coñecer os seus achados e desenvolvementos. Por exemplo Soft Control, firma con sedes en Madrid e Barcelona, que vai presentar un programa de seu, MercaNet, que permite o control exhaustivo da xestión e a produción das empresas de perecedoiros e conxelados, “tanto nos proceso de elaboración e distribución coma na análise de datos mediante cadros de mando”.
Trátase, pois, dun sistema de seguimento de produtos que achega ás empresas a posibilidade de ter un coñecemento “completo e real do negocio en todo intre”. O programa MercaNet, deseñado para o sector almacenista e comerciante e desenvolvido “coas últimas tecnoloxías de deseño e bases de datos de Microsoft”, será dado a coñecer na caseta i3 da Feira Conxemar. A empresa tamén fará fincapé noutra das importantes funcionalidades da súa ferramenta: subministra conexión e operatividade mediante PDA, tabletas, balanzas e Internet. O sistema contempla tamén a posibilidade de realizar informes de localización de alerta sanitaria, permite a etiquetaxe para a seguridade alimentaria e a codificación de produtos GS1-128, (EAN 8, 12, 13 e 14), tanto por referencia de provedor como por nomenclatura comunitaria.

PUBLICIDADE