Só o 2% dos altofalantes de Amazon teríanse empregado para realizar compras

martes, 7 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Este ano están a chegar a España os altofalantes conectados con asistentes persoais, comezando polos Google Home, pero coa vista posta nos Amazon Echo, os pioneiros deste sector, que están en fase de probas para a súa adaptación ao noso mercado e aos distintos acentos da poboación.
Até o momento entendiamos que Amazon fose a empresa que máis apostase pola tecnoloxía dos asistentes de voz, xa que Alexa no só podía ser un grande atractivo para os seus produtos de electrónica de consumo, senón que tamén podería converterse nun motor de vendas, xa que os usuarios poderían facer pedidos a Amazon mediante ordes orais, sen ter que achegarse ao ordenador ou ao móbil, pero un informe de The Information estaría a pór en perspectiva a situación actual, deixando claro que o potencial dos asistentes de voz para o comercio electrónico polo momento é só iso.
Dende The Information aseguran que os 50 millóns de usuarios de Alexa, só uns 100.000 terían realizado algunha compra mediante a voz, ou sexa, que apenas un 2% dos Amazon Echo terían canalizado algunha compra, de xeito que este tipo de uso está totalmente eclipsado pola reprodución musical, o que non debería ser nada sorprendente, xa que para os consumidores aínda non resulta natural a realización de certas accións a través de asistentes de voz.
Pero que as compras a través dos altofalantes sexa agora unha simple anécdota non quere dicir que as posibilidades de cara ao futuro non sexan moitas, de aí que a emerxencia deste tipo de dispositivos sexa tan importante, xa que serán estes primeiros usos os que trazarán o rumbo a seguir, tanto por facilitar o desenvolvemento da tecnoloxía como por achegar información de uso que permita así coñecer mellor o que realmente acepta o consumidor.

PUBLICIDADE