SmartPEME pecha setembro con catro novas formacións online

luns, 26 de setembro do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do seu programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, achega esta semana catro novas accións formativas online enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Nestes talleres continuarase cos ciclos de ciberseguridade e cadea de bloques (blockchain), e explicaranse as ferramentas que serven para manter e gañar clientes de aloxamentos turísticos ou o aproveitamento de Línkedin para empresas.
Este luns 26 de setembro, Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, impartirá o taller Ciberseguridade – O Phising co que se continúa unha serie de accións formativas dirixidas a mostrar aspectos básicos da ciberseguridade. Neste caso, ensinarase a detectar tentativas fraudulentas de suplantación online, que é a forma máis sinxela de ciberataque.
O mércores 28 na quenda da mañá, Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo, impartirá o taller Ferramentas para fidelizar aos clientes do meu aloxamento. Neste obradoiro aprenderanse estratexias para que pequenos negocios turísticos capten e manteñan clientes e amosaranse outros consellos para acadar reservas directas sen pagar comisións. Na quenda de tarde, a licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller, versará sobre Como usar Linkedin para empresas e profesionais. Esta formación ten como obxectivo aprender a crear un perfil profesional, unha páxina de empresa optimizada e como potenciar unha marca propia.
A semana lectiva finaliza o xoves 29 co obradoiro Blockchain, identidade dixital e NFT que continúa unha serie de obradoiros informativos sobre a tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain). Nesta formación falarase do proxecto de identidade dixital da Unión Europea e como afecta isto directamente á xestión de datos. Tamén se explicarán que son e para que serven os NFT. O obradoiro será impartido, de novo, polo experto Manuel Freire.

PUBLICIDADE