SmartPEME comeza xullo con obradoiros de ciberseguridade, fabricación dixital e mercadotecnia

luns, 3 de xullo do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático. Centraranse na copia de seguridade como medio de ciberseguridade, en fabricación dixital a través de debuxo con Onshape VII, no Sendinblue como ferramenta de mercadotecnia por correo electrónico e na captación de clientes para o sector turístico.
A programación arrancará o luns, 3 de xullo, co obradoiro Ciberseguridade, copias de seguridade no que se dará a coñecer a importancia de ter os datos apoiados nunha copia de seguridade, pola posibilidade de sermos vítimas dun ransomware ou calquera outro incidente como roubos, inundacións ou subidas de tensión. O taller comezará ás 10:00 e será impartido por Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D.
O martes 4 de xuño ás 11:00 impartirase o obradoiro Fabricación dixital. Debuxo con Onshape VII – Proxecto final I que forma parte dun obradoiro mixto no que haberá formación en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. Este curso, impartido tamén por Manuel Freire, consta dunha formación teórica de 30 horas e doutra práctica de 20 horas co obxectivo de dotar ás persoas asistentes da capacidade de deseño e fabricación dunha peza en 3D.
O mércores 5, ás 11.00 h, celebrarase nha acción formativa telemática centrada nas Ferramentas de email márketing: Sendinblue. Nela, darase a coñecer o Sendinblue como ferramenta para converter o proceso da mercadotecnia no correo electrónico nunha tarefa áxil, eficiente e rápida. Tamén crearanse campañas de email, editaranse modelos e configurarase este instrumento para mellorar a produtividade. Este taller será impartido por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e cun posgraduado en Comunicación e Industrias Creativas.
O xoves 6 ás 11.00 horas, a postgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela, Patricia Cabaleiro, exporá de xeito telemático as Ferramentas para fidelizar aos clientes do meu aloxamento, onde se ensinará ás persoas asistentes cales son as estratexias para captar clientes e mantelos no tempo (fidelizar) sen facer grandes gastos e ideas para captar reservas directas sen pagar comisións.

PUBLICIDADE