SmartPEME comeza curso con obradoiros sobre ciberseguridade, branding, marca persoal e ChatGPT

luns, 18 de setembro do 2023 S. P.

O curso 2023/2024 do programa SmartPEME da Deputación de Pontevedra, iniciativa de capacitación tecnolóxica para persoas autónomas e pequenas e medianas empresas, comeza este luns 18 de setembro con catro accións formativas TIC que se espallarán ata o xoves 21 de setembro. A axenda arrinca centrándose en ciberseguridade, branding, marca persoal e ChatGPT.
O primeiro curso da semana será este luns 18 ás 10:00, e estará impartido de xeito telemático por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D. O obradoiro Ciberseguridade, o que non se ve da navegación na Internet ten como obxectivo dar a coñecer aos asistentes os riscos aos que estamos expostos ao navegar pola Rede.
O martes 19 ás 12:00 horas, celebrarase a actividade formativa Branding verbal, crea marca coas túas palabras. Este curso centrarase nun dos puntos máis importantes da creación de marca: o branding verbal, que axuda a definir e transmitir a mensaxe para chegar ao mercado. O obradoiro será impartido por Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.
O mércores 20 pola mañá, a mentora internacional de negocios dixitais de marca persoal e doutora en comunicación, Carla de Pont, exporá Como crear unha marca persoal sólida no dixital. O obxectivo desta acción formativa é proporcionar ás persoas emprendedoras e creadoras de contido unha folla de ruta que lles axude a construír unha presenza dixital auténtica e sólida, coa que gañar visibilidade e atraer clientes en liña.
Por último o xoves 21 celebrarase o curso ChatGPT e Stable Diffusion, aprende o seu funcionamento, un itinerario de media ducia de obradoiros enl iña dunha hora cada un, co obxectivo de dar a coñecer o manexo das novas ferramentas gratuítas baseadas en Intelixencia Artificial, ChatGPT e Stable Diffusion. O primeiro dos obradoiros, fixado para este xoves 21 de setembro, será impartido por Manuel Freire e centrarase na Intelixencia Artificial e os seus conceptos básicos.

PUBLICIDADE