SmartPEME catro novas accións formativas TIC na penúltima semana de decembro

luns, 18 de decembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana, a penúltima de decembro, catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Estes obradoiros, impartidos de xeito telemático, centraranse na optimización do cociente de conversión, no copywriting, nas novas tendencias en turismo e na creación dunha páxina web profesional a través de Wordpress.
As accións formativas comezarán este luns, 18 de decembro ás 12:00 horas, con CRO: Como mellorar as ventas da túa web a cargo de Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresarias e especialista en mercadotecnia e dirección comercial. No obradoiro analizarase o cociente de conversión e ensinarase as técnicas básicas para transformar visitantes dunha páxina web en clientes.
O mércores 20 de decembro celebraranse dous cursos. Entre as 12:00 e as 13:00 Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo, impartirá o taller Copywriting para empresas turísticas no que dará a coñecer como crear textos que vendan mellor os servicios utilizando palabras que conecten cos viaxeiros para convertelos en clientes. Pola súa banda, ás 17:00 impartirase o obradoiro Novas tendencias en turismo: turismo petfriendly, onde Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas, explicará as claves deste tipo de turismo que viaxa con mascotas.
Finalmente o xoves 21 de decembro, entre as 12:00 e as 13:00 horas, desenvolverase o curso Crea unha páxina profesional con Wordpress II, onde se ensinarán os pasos para crear un sitio web profesional e optimizado con este programa. Este curso será impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas.

PUBLICIDADE