SmartPEME achega outros cinco obradoiros tecnolóxicos en liña

luns, 16 de novembro do 2020 S. P.

Prosegue este mes de novembro a actividade da rede de capacitación dixital SmartPEME, activada no seu día pola Deputación de Pontevedra para contribuír á transformación tecnolóxicas de empresas, autónomos e profesionais. Segundo informou a Deputación, responsábel da rede, a terceira semana de novembro vén cun novo paquete de cursos informáticos que, por mor da actual situación sanitaria, seguirán tendo formato online. Serán, a celebrar esta semana, cinco novas accións formativas. Inclúense contidos sobre sobre debuxo con Onshape, WordPress, a xerarquía no deseño e as redes sociais.
En concreto, o martes haberá dúas accións: Crea unha páxina profesional con WordPress I, a cargo de María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación Corporativa, e Debuxo con Onshape, Assembly III, impartido polo experto universitario en robótica Manuel Freire. Ao día seguinte, 18 de novembro, Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, levará a cabo o obradoiro Xerarquía no deseño: a orde na información.
O xoves 19 será a quenda de Crea unha páxina profesional con WordPress II que, ao igual que a actividade do martes, tamén será a cargo de María Aller. E, por último, o venres Mariana Rosa, técnica superior en Axencia de viaxes e xestión de eventos e graduada en Turismo, falará sobre Redes sociais para establecementos turísticos.

PUBLICIDADE