SmartPEME achega novos cursos ciberseguridade, eAdministración e emprendemento

luns, 20 de febreiro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa-rede de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta nesta recta final de febreiro cinco novas accións formativas, impartidas de xeito presencial e telemático e enmarcadas na súa carteira de obradoiros para pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e cidadanía en xeral. Os cursos tratarán temas como a ciberseguridade e o que fica oculto na navegación, a primeira toma de contacto coa Administración Electrónica, a creación dunha empresa, as tendencias de economía dixital e a captación de clientes.
Os obradoiros darán comezo este luns 20 de febreiro, pola mañá, co curso sobre Ciberseguridade. O que non se ve da navegación na Internet. Ten como obxectivo dar a coñecer ao asistente os riscos aos que estamos expostos ao navegar por internet: que é un ciberataque, o mapa mundial dos ciberataques en tempo real e os obxectivos dos ciberdelincuentes. Este obradoiro estará impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.
Na quenda da tarde, José Luis Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia, conducirá o obradoiro Primeiros pasos coa Administración Electrónica, curso dirixido a pequenas e medianas empresas e autónomos e tratará de dar a coñecer as diversas utilidades relacionadas coas xestións administrativas. O obxectivo é “amosar como obter, utilizar e aplicar ferramentas como o DNI electrónico e o certificado dixital”.
O martes 21 impartirase unha nova formación, A empresa e o comezo da súa creación. Neste obradoiro mostrarase como afrontar os custes económicos que implica a posta en marcha dun negocio, amais de achegarse claves sobre a xestión do tempo neste proceso. A licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, Paz Ares, será quen o dirixa.
A derradeira xornada da semana, o xoves 22, contará cunha dobre sesión. Pola mañá, Manuel Freire volverá a ser o experto encargado de conducir un obradoiro presencial ás 11.00 horas, no punto SmartPEME do Porriño, localizado no Multicentro do Concello. Baixo o epígrafe Tendencias de economía dixital 2023, o seu obxectivo será dar a coñecer as principais tendencias tecnolóxicas facendo un repaso polas tecnoloxías emerxentes. Abordarase o tema da creación de imaxes e textos con algoritmos de Intelixencia Artificial e, tamén, realizarase unha visita a Realidade Virtual mostrando algunhas das aplicacións que xa se poden utilizar nos eventos empresariais.
Para rematar, ás 17.00 horas, a consultora e adestradora empresarial Isabel Rodríguez dirixirá Captación de clientes a través de estratexias de comunicación e visibilidade” centrada na comunicación como base de toda estratexia efectiva e metodoloxía que logra de forma eficiente pechas ventas facendo rendíbeis os obxectivos de visibilidade e a captación leal de clientes.

PUBLICIDADE