Smart Weekend concentrou a medio milleiro de afeccionados á informática

luns, 9 de xuño do 2014 Marcus Fernández

A pasada fin de semana desenvolveuse a primeira edición da LAN Party Smart Weekend no Coliseum da Coruña, encontro que colle o relevo da Arroutada Party (que cesou tras 19 anos de actividade) e serviu en boa medida para calmar a ansia de centos de seareiros deste tipo de actividades que este ano quedaron sen a habitual celebración de Xuventude Galicia Net.
Tres días seguidos de actividade en rede, con retos de desenvolvemento informático, torneos de videoxogos, obradoiros e moita convivencia entre apaixonados á informática, que sumaron preto de quiñentas inscricións, sentando os alicerces para un evento con vocación de continuidade.

Os responsables da axenda cultural Vivir na Coruña recibiron un recoñecemento polo seu traballo durante a celebración do Smart Weekend

Os participantes puideron conectarse a unha rede de alta velocidade coa que acceder á Internet e interactuar entre os presentes de xeito local, pero o Coliseum non se limitou á LAN Party pura, senón que tamén acolleu unha nova edición de Betabeers Galicia, unha mesa redonda sobre blogging 2.0 e incluso unha entrega de premios aos proxectos máis innovadores orientados a converter A Coruña nunha cidade máis eficiente, que recaeron en Situm Technologies (Cristina Gamallo e Adrián Canedo) polo seu proxecto de Museos Intelixentes, a axenda cultural de Vivir na Coruña (Lucía Pita e Daniel Fernández) e o proxecto de Gestión de la felicidade urbana (Óscar Blanco).

O Coliseum contou cunha rede de alta capacidade para facilitar as actividades en rede dos seus participantes
As xornadas destacaron polo bo ambiente de convivencia
A actividade durante Smart Weekend non cesou nin a altas horas da noite
Os equipos informáticos rechamantes non faltaron nesta primeira edición de Smart Weekend
Os videoxogos son un dos pratos fortes neste tipo de encontros

PUBLICIDADE