Skype quere levar a videoconferencia ao iPhone 4

mércores, 9 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Aínda que dende Apple anunciasen como unha importante novidade o servizo FaceTime para o iPhone 4, en Europa a videochamada estaba estandarizada dende 2004, polo que o uso da videoconferencia dende o móbil no sorprende nin resulta especialmente rechamante. Cómpre advertir de que videochamada (en redes móbiles) e videoconferencia (en redes de datos) son servizos distintos, pero compañías coma Skype incluso permiten ese tipo de comunicación en móbiles coma o Nokia N900 incluso a través de 3G (algo que o iPhone 4 non permitirá ata 2011), de aí que sexa destacable que dende Skype declaren a Pocket-lint que FaceTime podería dar pé á colaboración con Apple, de xeito que o iPhone 4 podería ver actualizada a súa versión de Skype para soportar tamén vídeo, o que entendemos que podería servir non só para establecer comunicacións entre usuarios de iPhone, senón que tamén tendería unha ponte con todos os usuarios de Skype en distintas plataformas (coma móbiles doutros fabricantes, ordenadores portátiles e mesmo televisores con cámara compatibles con esta tecnoloxía).
De todos os xeitos, queda por ver se realmente existe demanda para a videoconferencia no móbil despois do rotundo fracaso da videochamada, que moitos ven coma un servizo caro e innecesario que supón toda unha intrusión á intimidade.

PUBLICIDADE