Skype padece problemas de conectividade

luns, 21 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Dende esta tarde o servizo de Skype experimentou problemas de conectividade, que tardaron unhas 7 horas en ser convenientemente diagnosticados por parte de Microsoft, tras o que iniciaron medidas para arranxalos, aínda que iso provocou que moitos dos usuarios estivesen bastantes horas máis sen poder identificarse a través da popular ferramenta de comunicación na súa edición persoal. Curiosamente nin a versión corporativa de Skype nin a versión que funciona vía web experimentaron problemas, de xeito que non estariamos ante unha caída do servizo, senón ante un fallo do sistema de autentificación de usuarios dende aplicacións.
Os usuarios que se identificaron en Skype antes de que xurdise a incidencia atopáronse con que non podía actualizar o seu estado nin ver se os seus contactos estaban conectados, mentres que o funcionamento doas comunicacións que se mantiñan activas foi un tanto errático.
Este tipo de fallos, aínda que cada día é menos frecuente, resulta cada vez máis preocupante, pois non esquezamos que Skype busca converterse no xestor da mensaxería nos móbiles con Windows 10, polo que os fallos nun servizo tan importante podería trasladarse nunha incomunicación parcial entre moitos usuarios.

PUBLICIDADE