Skype ofrecerá tradución en tempo real con voces naturais

xoves, 15 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Dende hai bastante tempo Skype traballa en derrubar a Torre de Babel a través de traducións en tempo real das conversas a través da súa aplicación, ou sexa, que o sistema é capaz de empregar o recoñecemento de voz para transcribir o que dicimos e logo aplicarlle software de tradución automática, podendo dar un paso máis ao coller as traducións e pasalas por un intérprete de voz que as le en alto, de xeito que a ferramenta de comunicación traballa como intérprete virtual, axudando a tender pontes entre interlocutores que falan distintas linguas.
Este tecnoloxía leva moitos anos avanzando e conseguindo resultados máis naturais, sendo especialmente rechamante a última innovación que consiste no uso da intelixencia artificial para que a interpretación das traducións non as realice unha voz robótica xenérica, senón que imite a propia voz do interlocutor, conseguindo así que as conversas poidan resultar moito máis natural.
Esta nova función de tradución en tempo real con linguaxe natural chegará en diferentes idiomas (como inglés, español, francés, alemán e chinés) para chamadas telefónicas e videochamadas en grupo, aínda que tardará uns meses en chegar a todos os usuarios.

Vídeo no que amosan a nova funcionalidade de Skype

PUBLICIDADE