Skype deixa de estar en probas en Windows Phone 7.5 pese ás súas limitacións

luns, 23 de abril do 2012 Marcus Fernández

A aplicación de Skype para Windows Phone chegou hoxe á súa versión 1.0, de xeito que abandona o seu estado de beta e incorpora varias melloras, especialmente no que á súa estabilidade se refire. A aplicación permite realizar chamadas e videoconferencias, enviar mensaxes instantáneas de balde a outros usuarios de Skype, e tamén permite establecer comunicacións con teléfonos tradicionais a tarifas económicas. Funciona tanto a través de 3G e de Wi-Fi, pero sorprende por un par de limitacións difíciles de aceptar para unha aplicación deste peso: non funciona en terminais con Windows Phone que sexan de baixa gama (aínda que polo momento son moi poucos) e non opera en segundo plano para poder recibir comunicacións cando a aplicación non estea aberta.
Dende Skype están a traballar para corrixir as eivas da aplicación, que parecen ser consecuencia da incapacidade dos inxeñeiros da aplicación de VoIP e mensaxería instantánea para axustar a arquitectura de Skype ao funcionamento de Windows Phone 7.5.

PUBLICIDADE