Skype Empresarial colle o relevo de Lync 2013 en Windows Phone 8.1

martes, 7 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Microsoft continúa a reformular as súas marcas na súa nova etapa que quedará especialmente marcada pola chegada de Windows 10, e un dos servizos que di adeus ao seu nome é Lync 2013, que pasa a chamarse Skype Empresarial, e vén de estrear aplicación de seu para Windows Phone, de xeito que estamos ante unha versión da popular ferramenta de comunicación de Microsoft orientada á produtividade empresarial.
A aplicación de Skype Empresarial presenta unha interface máis intuitiva, máis emoticonas e comunicacións cos servidores mellorada. Así, cando un usuario ten esta aplicación e se inicia unha nova conversa, recibirase unha notificación no smartphone, facendo que outros clientes que estean identificados no sistema non poidan interromper a comunicación. Amais, as conversas sincronízanse entre todos os dispositivos (ordenador, tableta e smartphones con Windows) sempre que contemos coa última versión do software no noso servidor corporativo.
Os actuais clientes de Lync 2013 baixo Windows Phone 8.1 recibirán de xeito automático a actualización a Skype Empresarial, mentres que baixo Windows Phone 8.0 poderase continuar a utilizar as vellas aplicacións de Lync 2013 e 2010.

Skype Empresarial é a evolución natural de Lync 2013

PUBLICIDADE