SkyDrive ofrece 20 Gb de almacenamento adicionais para os usuarios de Windows Phone

venres, 20 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Os usuarios que levan máis tempo empregando SkyDrive poden gozar de balde de 45 Gb de almacenamento en liña

Durante as últimas horas os usuarios de Windows Phone están a recibir un correo electrónico no que Microsoft agradece a súa confianza engadindo 20 Gb de almacenamento en liña de balde en SkyDrive aos 7 Gb cos que contan todos os usuarios (ou 25 Gb para os usuarios máis fieis) co que buscan facilitar o almacenamento en liñas de fotografías e documentos, dada a grande integración que SkyDrive ten actualmente tanto con Windows Phone 8 como no sistema operativo de escritorio. O código para ampliar de balde a capacidade de SkyDrive durante 2014 poderá canxearse ata o 31 de xaneiro.
Dende Microsoft lembran que os móbiles con Windows Phone poden activar a función de carga automática de fotografías e vídeos (permitindo elixir se os queremos con baixa resolución ou coa resolución máis alta) a SkyDrive, para que o servizo de almacenamento sirva de copia de seguridade.
Esta non é a única promoción actual de Microsoft que pode resultar de interese, senón que nos últimos días tamén lanzou unha interesante oferta dentro do The Skype Collaboration Project que permite gozar durante 12 meses de Skype Premium (servizo valorado en 71,88 euros) para poder facer de balde chamadas en grupo e colaborar en rede.

PUBLICIDADE