Sketch Arm actualízase para festexar o seu éxito de descargas
luns, 18 de maio do 2015
En
xaneiro de 2013 vía a luz a aplicación Sketch
Arm, desenvolvida por investigadores do Grupo
SIG de Informática Gráfica e Multimedia da Universidade de Vigo e
Redegal, coa que calquera que o quixer podía levar a cabo un deseño
do seu propio armario. Logo
destes dous anos e medio da creación, Sketch
Arm
supera xa as 100.000 descargas de balde e os seus creadores celébrano
sacando unha versión 2.0 da existente, que era para o sistema
operativo iOS, de Apple, e abrindo o seu uso tamén ao sistema
operativo Android.
Segundo explica Celso Campos, docente da
Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus
de Ourense e líder do proxecto, a aplicación é froito de catro
anos de traballo no seu desenvolvemento, dende que xurdiu a idea a
raíz das necesidades dunha empresa local neste senso até a súa
última actualización, e nela traballaron os enxeñeiros
informáticos Rubén Viso, Iván Rodríguez e Jorge Nelson Acosta. A
aplicación achégalle ao seu usuario final unha ferramenta doada e
intuitiva para deseñar o interior e o exterior dos seus armarios
empotrados e a medida. Deste xeito, calquera persoa, sen necesidade
de coñecementos informáticos, pode transformar en poucos pasos as
súas ideas nun debuxo en 3D e en plano elixindo a distribución dos
espazos, as cores, os materiais e o tipo de compartimentos do
armario.
Segundo apuntan os enxeñeiros responsábeis, as
novidades desta aplicación atinxen “fundamentalmente... á
interface,
ao xeito en que se presenta ao usuario, mellorándose a interacción
e facendo máis doadas as labores de edición e configuración do
armario”. Tamén se decidiu dar unha meirande cobertura no servizo,
abríndose a aplicación a novos sistemas operativos, concretamente
Android por ser un dos máis populares entre o público xeral. “O
desenvolvemento dunha aplicación para diferentes plataformas non é
tan sinxelo como un usuario externo poida pensar a
priori, xa que conseguir que unha
aplicación teña unha feitura e unhas funcionalidades semellantes en
todas as plataformas require un traballo importante”, apunta por
último Celso Campos.