Situm Technologies compite para ser recoñecida como unha das 3 mellores startups españolas

venres, 13 de marzo do 2015 Redacción

Boa parte do equipo de Situm Technologies nunha imaxe recente

A startup galega Situm Technologies, dedicada ao deseño e desenvolvemento de sistemas de localización e navegación en interiores para smartphones, e que actualmente completa o seu proceso de aceleración no centro de emprendemento Galicia Open Future de Telefónica, foi seleccionada como unha das 25 empresas emerxentes españolas con máis potencial para competir no concurso Elevator Pitch Singularity University.
A proba celebrarase esta tarde, entre as 16:00 e as 19:00 horas no Teatro da Mestranza de Sevilla, e dentro do marco do cumio español Singularity University, a institución de maior prestixio e especialización a nivel internacional dedicada á investigación e desenvolvemento de novas tecnoloxías, e que conta ademais co apoio da NASA, Google e da aceleradora europea IMPACT. Mediante unha dinámica de elevator pitch (técnica moi estendida para presentar proxectos de emprendemento ante posibles clientes ou investidores, e cuxo principal obxectivo é conseguir captar a súa atención en poucos minutos, expoñendo de forma clara obxectivos e estratexias) terá que convencer o xurado, composto por expertos en tecnoloxía e negocio móbil, que a súa solución merece estar entre as 3 startups que resultarán gañadoras do certame.
Se é seleccionada, Situm poderá acceder ao programa de aceleración do Consorcio IMPACT, con posibilidade de optar tamén a un financiamento de 100.000 euros a fondo perdido e a formación e acceso a investidores. O obxectivo de IMPACT é acelerar cando menos a 64 startups europeas con base tecnolóxica, investindo un total de 6,4 millóns euros en dous anos.
Como parte do premio do concurso, as 3 empresas vencedoras terán tamén a oportunidade de participar nas sesións de speed dating (roldas de financiamento) que terá lugar con investidores durante o cumio de Sevilla.

PUBLICIDADE