Sitges acolle as probas do sistema de compras a través do móbil de Telefónica e La Caixa

xoves, 11 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

La Caixa e Telefónica veñen de unir forzas a prol de conseguir que os móbiles teñan semellantes funcionalidades cá Rede á hora de facer compras, pero coa vantaxe da pór en xogo mobilidade e comodidade. A experiencia posta en marcha por ámbalas dúas empresas baséase no uso de móbiles con tecnoloxía NFC (Near Field Communication) e xa conta co seu primeiro emprazamento de probas oficial: o concello de Sitges, que por certo é un dos colaboradores da iniciativa, xunto con Visa e máis Samsung.
A idea de La Caixa e Telefónica é achegarlles aos seus clientes a posibilidade de realizar as súas compras levando a cabo un único paso: achegando o móbil ao terminal punto de venda dos comercios. No proxecto, informan, a tarxeta SIM do teléfono pasa a ser unha carteira móbil virtual con capacidade para gardar múltiples tarxetas e onde o usuario leva a súa identificación financeira personalizada “e con medidas de seguridade avanzadas”.
O proxecto piloto, denominado Mobile Shopping Sitges 2010, sería o primeiro que se leva a cabo destas características a nivel europeo en un escenario real, sinala Telefónica nun comunicado. A proba ademais conta co engadido da elevada participación: até 1.500 persoas e 500 establecementos da vila catalá colaborarán durante seis meses na mellora e medre do proxecto.

PUBLICIDADE