Silicon Valley segue a ocupar o primeiro posto de mellor cidade do mundo para emprender

mércores, 5 de agosto do 2015 Redacción

Un estudo, o Global Startup Ecosystem Ranking, vén de analizar polo miúdo os mellores ecosistemas emprendedores segundo varios parámetros: o número de start-ups, as posibilidades de obter financiamento, o nivel de vendas de empresas... Con todo, ao falarmos de emprendemento tecnolóxico, non é preciso facer ningunha análise, hai unha zona que salienta por enriba de todas as demais, estamos a referirnos a Silicon Valley. Asumindo isto, quen son os seguintes da listaxe? A esta pregunta quer dar resposta o Global Startup Ecosystem Ranking, que conclúe que os que lle seguen (Nova York, Los Ángeles e Boston) son norteamericanos.
O caso de Nova York pode non ser moi abraiante, xa que nos últimos anos veu acollendo un crecente número de start-ups (sobre todo do sector fintech). No quinto posto atopamos a Tel Aviv, cuxa posición no ranking sorprende se temos en conta que se trata, de lonxe, da cidade cuxo país está a liderar a innovación en emprendemento científico e biotecnolóxico a nivel mundial. Non en balde, Israel sempre recibiu alcumes como Silicon Wadi ou o Silicon Valley de Silicon Valley, en alusión a que o seu grao de innovación en ocasións vai mesmo por diante do de San Francisco.
Con todo, e malia ao claro dominio estadounidense, segundo o Global Startup Ecosystem Ranking, a evolución e o medre dos ecosistemas emprendedores europeos están en auxe. De feito, os exits (vendas de compañías ou desinversións) en Europa medraron un 314%, moi por enriba do crecemento que observamos en Estados Unidos (46%), Asia (99%) ou Latinoamérica, que tamén está a medrar a un bo paso (209%).
En canto a España, cómpre dicir que non colocou ningunha cidade entre as 20 mellores do mundo. A listaxe sitúa a Barcelona como sétima mellor cidade emprendedora do continente, por detrás de Tel Aviv, Londres, Berlín, París, Moscova e Ámsterdam. Madrid atópase nun lugar semellante ao doutras cidades europeas como Bruxelas, Copenhague, Dublín, Helsinqui, Istambul, Xerusalén, Milán, Oslo, Roma ou Estocolmo, entre outras.

PUBLICIDADE