SigoJoven.com acada un acordo de colaboración co Grupo Júbilo

luns, 24 de maio do 2010 Raquel Noya

A rede social SigoJoven.com, a primeira ferramenta en liña dirixida á Xeración 4.0 (termo acuñado para designar ás persoas maiores de 40 anos intelectualmente activas e interesadas en compartir ocio e cultura) mailo grupo de comunicación Júbilo, veñen de asinar un acordo de colaboración polo que este último disporá dunha canle de comunicación propia na devandita rede social dende onde interactuar cos máis de 50.000 usuarios da comunidade de SigoJoven.
O perfil das persoas usuarias desta ferramenta en liña correspóndese cunha persoa de máis de 40 anos, cun nivel medio de formación, coñecedora da actualidade nacional e cun interese por crear e manter relacións sociais na Rede.
As actividades relacionadas coa arte (exposicións e obradoiros, entre outras) veñen de incrementar a súa presenza en SigoJoven.com dende a súa creación a finais de marzo de 2009 e supoñen na actualidade máis do 55 por cento do total das actividades ofertadas.
Os concertos e actividades musicais supoñen, por outra banda, máis do 30 por cento das propostas incluídas en SigoJoven.com, sobre todo nas grandes cidades como Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla, onde ao igual que no resto de España, as persoas usuarias poden recuperar amizades que crían perdidas.
Segundo palabras do presidente de SigoJoven.com, Luís Álvarez, quen aos 75 anos compatibiliza o cargo co de vicepresidente de CEOMA (Confederación Española de Mayores) e co de presidente da Asociación Grupo de Mayores de Telefónica, “é moi apaixoante volver a ter vida propia despois da etapa de crianza dos fillos”, e SigoJoven permite obter isto e outras moitas cousas máis.
O plan de crecemento previsto por SigoJoven.com contempla un desenvolvemento constante que lle permita superar ao longo deste ano 2010 a cifra dos 100.000 usuarios.

PUBLICIDADE