Sicasoft organiza un webinar sobre solucións sustentábeis de robotización para o noso agro

venres, 2 de outubro do 2020 S. P.

A empresa tecnolóxica Sicasoft, con sede na Coruña e centrada en recursos e servizos para a transformación dixital sustentábel, vai organizar o vindeiro 21 de outubro un seminario online co que abordar as claves para reducir custes, mediante tecnoloxías intelixentes e robóticas, nas empresas do sector agroalimentario. O seminario, que dará comezo ás 10.00 horas, porá o foco nas posibilidades da Automatización Robótica de Procesos (RPA polas súas siglas en inglés).
O evento celébrase para mostrar como as tecnoloxías RPA están ao alcance de calquera compañía e como se poden reducir drasticamente os custos dos procesos de negocio que resultan “repetitivos e con alta carga de traballo manual”, en palabras de Sicasoft, que incluirá na charla divulgativa o caso concreto de éxito da azucreira ACOR.
Os relatores que forman parte deste webinar son Francisco Muñoz, director de planta de ACOR; Ignacio Rise, responsábel da aliance channel para o sur de Europa de UiPath, e Jose Luis Madrid, director executivo (CEO) de Sicasoft.
Cunha hora de duración, os tres relatores explicarán “como se aplica a automatización robótica de procesos a un proceso de negocio no sector agroalimentario, os beneficios obtidos e a enorme oportunidade que se abre para as empresas a través de proxectos de moi curta duración e rápido retorno de investimento polo aforro xerado”.
Todas as empresas que queiran apuntarse, poden inscribirse a través do formulario que se atopa na páxina web de Sicasoft e nas súas redes sociais. Unha vez rexistrado, o usuario recibirá no seu correo electrónico o acceso ao webinar a través dunha ligazón. A inscrición é gratuíta até completar un aforamento de 100 persoas.

PUBLICIDADE