Seresco destaca as oportunidades que abre para o galego o denominado ChatGPT made in Spain

mércores, 13 de marzo do 2024 S. P.

A empresa tecnolóxica Seresco, con importante presenza na nosa terra (tal e como quedou manifesto na pasada celebración dos seus 50 anos de actividade vencellada a Galicia), achegou detalles da que é unha das grandes novidades tecnolóxicas españolas da tempada: o xa denominado “ChatGPT made in Spain”, impulsado dende o Goberno co obxectivo de crear un gran modelo de linguaxe de Intelixencia Artificial adestrado integramente en castelán e nas linguas cooficiais do Estado.
Para o seu desenvolvemento, o Executivo central porá en marcha unha colaboración público-privada co Barcelona Supercomputing Center, a Rede Española de Supercomputación, a Academia Española da Lingua e a Asociación de Academias da Lingua Española.

Pedro Sánchez na presentación do proxecto de IA para as linguas oficiais

Dende Seresco, por mor do anuncio de Pedro Sánchez no MWC, estívose traballando nunha peza informativa co obxectivo de debullar “a importancia que ten a creación dun LLM (modelo de linguaxe de grande escala) adestrado integramente en español e linguas cooficiais”. Para a empresa esta noticia supón “un antes e un despois para o noso país, xa que, por unha banda, posicionámonos como líderes europeos en canto a regulación e desenvolvemento de solucións baseadas en IA e, pola outra, as compañías que comecen a implementalo, do mesmo xeito que están a facer agora mesmo con ChatGPT, Copilot, Bard ou Gemini, veranse moi beneficiadas”. E engade: “Poder contar cun LLM cun corpus propio en español ou galego suporá unha maior precisión e veracidade dos contidos xerados, aumento da produtividade, maior globalización, internacionalización da economía nacional…”
Nun plano máis concreto, os expertos de Seresco, compañía tecnolóxica especializada na integración de servizos de transformación dixital e infraestrutura e software, recompilaron os 5 principais beneficios que a creación deste LLM español terá para as organizacións do eido estatal:

Algoritmos adestrados en español

Garantir que os algoritmos que compoñen este tipo de solucións sexan adestrados con información veraz e de calidade é fundamental. Os expertos en analítica deben garantir que os datos estean limpos para evitar rumbos e erros á hora de xerar as respostas e, para iso, é crucial empregar o maior contido posíbel nun idioma. Ao contrario do que pasa con ChatGPT, Bard ou Gemini que, principalmente, operan con información en inglés. Para Seresco, “aoadestrar o modelo de linguaxe integramente en castelán, galego, éuscaro, valenciano ou catalán a calidade das respostas vai ser moito máis alta”. E engade: “Mediante esta iniciativa, o Goberno aspira a crear unha infraestrutura lingüística aberta e accesíbel para as empresas, o que lles permitirá acceder a un modelo de linguaxe a gran escala que facilitará o desenvolvemento de servizos en tecnoloxías da linguaxe”. O obxectivo final é “fomentar a creación de aplicacións avanzadas que impulsen a actividade económica de maneira efectiva”, destaca Seresco.

Globalización da economía

Para Sersesco, “o desenvolvemento dun LLM con selo nacional e unificado baixo unha mesma lingua permitirá ás empresas nacionais estender as solucións derivadas da mesma a calquera país hispanofalante”. Esto tradúcese “por unha banda nun aumento da competitividade a nivel internacional, xa que se ofrecerían solucións tecnolóxicas avanzadas e adaptadas ás necesidades lingüísticas da rexión, e pola outra as compañías poderían crear sinerxías supranacionais e fomentar a exportación e importación de servizos grazas á implementación de asistentes virtuais, análises de sentimento, experiencia de cliente ou a automatización de tarefas rutineiras que retardan os procesos mercantís, como a burocracia”.

Líderes a nivel europeo na regulación da IA

Tras impulsar durante a presidencia española do Consello da Unión Europea a Lei para a Regulación da Intelixencia Artificial e a creación da AESIA, Seresco destaca que España posicionouse como “un dos referentes a nivel mundial no que atinxe a construír un marco xurídico que delimite como operar coas solucións baseadas en IA”. Así pois, ao desenvolver un LLM propio, ao estilo dos modelos GPT que todos coñecemos, “o noso país posicionarase como un dos territorios máis atractivos para investir neste tipo de tecnoloxía”.

Cooficialidade e axilidade

Seresco salienta o feito de que este modelo sexa adestrado tamén en galego, catalán, éuscaro e valenciano, o que “permitirá ás compañías obter traducións simultáneas e contar con materiais de calidade e veraces sobre case calquera tema na lingua desexada”. A compañía pon o foco nos beneficios que terá este proxecto para a relación coas administracións públicas autonómicas, que terán mellor comunicación coas empresas que non manexan estas linguas. “Elaborar escritos, documentos e calquera tipo de necesidade que xurda nalgún dos idiomas recolleitos estará cuberta mediante este modelo baseado en IA, o que permitirá ás organizacións reducir os trámites burocráticos e contar con asistentes virtuais que atendan aos clientes ou usuarios na lingua que eles demanden a través de traducións simultáneas”, destacou a empresa.

Democratización da Intelixencia Artificial

Seresco opina que “a aposta de España por naturalizar e democratizar a Intelixencia Artificial é un feito moi beneficioso para as compañías; e canto antes se expanda o seu uso e máis medios sexan destinados desde as administracións públicas á investigación, máis avanzarán as compañías nos seus procesos de transformación dixital”. Seresco lembra que o sector TIC achega ao PIB do país un 22,6% segundo o barómetro de AMETIC, “cifra que se verá amplamente ampliada se se aposta de forma decidida pola IA e o desenvolvemento deste tipo de solucións, ben sexan modelos de linguaxe ou calquera outro avance tecnolóxico”.

E conclúe a empresa no seu informe: “O desenvolvemento dun LLM íntegro en español e as diversas linguas cooficiais supón un paso cara adiante para o noso país, non só polo avance tecnolóxico, se non pola inxente cantidade de oportunidades económicas que esta implementación pode xerar para as compañías nacionais. Ademais, situarnos á cabeza deste tipo de proxectos a nivel europeo reforzará a posición de España como hub tecnolóxico, o que seguirá atraendo a multinacionais do sector ao noso territorio, favorecendo así o desenvolvemento do emprego tecnolóxico cualificado e as oportunidades de negocio para as empresas locais”.

PUBLICIDADE