Seresco aposta polo talento do alumnado de Enxeñaría Informática e Telecomunicacións da UVigo

mércores, 31 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Seresco, empresa asturiana de desenvolvemento de software e transformación dixital, está a brindar aos estudantes de Enxeñaría Informática e Telecomunicacións da Universidade de Vigo un proxecto de formación destinado a facer voar o seu talento. O labor de ensino, unha experiencia de capacitación en prácticas, baséase en sacar o máximo rendemento das plataformas Java e .net ou de ferramentas de analítica de información a gran escala (Big Data), de aprendizaxe máquina (Machine Learning) ou intelixencia aplicada aos negocios (Business Inteligence). Segundo informan fontes da empresa, esta liña de formación responde á necesidade de contar, no mercado estatal, con máis talento tecnolóxico.
“O noso territorio”, explica Seresco, “segue a ser un mercado laboral que, malia as súas grandes posibilidades, sofre unha notábel escaseza de talento dixital que limita a capacidade de crecemento e investimento neste sector”. Neste contexto, a compañía abriu a convocatoria do programa de prácticas para formar a alumnos de grao da Universidade de Vigo e desenvolver a súa carreira profesional no seo da propia empresa, que vén de celebrar, por certo, o seu medio século de actividade no sector e que conta con máis de medio milleiro de empregados.
“Seresco aposta unha vez máis polo talento abrindo as súas oficinas a estudantes de Informática con interese en dirixir a súa carreira ao desenvolvemento de software”, apuntan fontes da firma, engadindo que “as competencias do programa de prácticas implican múltiples variábeis do desenvolvemento de programas informáticos que ofrecerán ao estudante unha ampla gama de plataformas tecnolóxicas”.
Desta forma, estudantes dos graos en Enxeñaría Informática e Telecomunicacións poderán dar os seus primeiros pasos na contorna laboral de Seresco, concretamente na área de Consultoría e Software, que actualmente conta, segundo lembra a empresa, “con relevantes ferramentas de desenvolvemento propio no mercado como Cultiva Decisiones, un recurso tecnolóxico para apoiar a toma de decisións na agricultura de precisión...”.
O programa abrangue unha formación de 720 horas curriculares e non curriculares que concluirán coa incorporación do estudante ao persoal de Seresco como desenvolvedor informático, “ofrecendo unha flexibilidade horaria adaptada ás necesidades académicas do alumno e mesmo a posibilidade de levar a cabo o Traballo de Fin de Grao coa compañía a través dun caso práctico de Seresco”.
Con este programa de prácticas, comunica Alberto Ordóñez, xefe de proxecto da área de Consultoría e Software de Seresco, “queremos pór en valor a formación de perfís técnicos para aqueles estudantes que queiran dar os seus primeiros pasos nun ambiente laboral que conte coas tecnoloxías máis punteiras do mercado”.

PUBLICIDADE