Senén Barro participa como experto na iniciativa do Senado para lexislar a transformación dixital

martes, 27 de abril do 2021 S. P.

Senén Barro, director científico do CiTIUS, centro de investigación da USC centrado nas posibilidades das tecnoloxías de Intelixencia Artificial, participa como experto na iniciativa do Senado para lexislar o proceso de transformación dixital de España.
O responsábel científico do CiTIUS e ex reitor da USC acudiu como autoridade convidada ao Relatorio de estudo sobre a adopción dunha regulación das novas realidades tecnolóxicas, disruptivas e sociais, promovido pola Comisión de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Senado. O obxectivo é elaborar un informe que sirva de base para adoptar unha regulación das novas realidades tecnolóxicas, disruptivas e sociais, ante o desenvolvemento e implicación que a cuarta Revolución Industrial vai ter na vida da cidadanía.
Segundo confirmou o CiTIUS, o relatorio está a convocar a autoridades, a representantes de organizacións públicas e privadas e a persoal experto na materia, entre eles o director científico do centro da USC. En última instancia búscase redactar un estudo completo que “dea cabida tanto á información máis actualizada, precisa e obxectiva posíbel, como ás conclusións e recomendacións dirixidas á elaboración da devandita regulación na materia”, explica o CiTIUS.
Ao longo da súa alocución, centrada no Uso intelixente da Intelixencia Artificial na automatización do traballo, Barro reflexionou sobre o proceso de automatización como algo “inevitábel”, incidindo en que para acadar os resultados máis enriquecedores para todos os ámbitos sociais implicados non debemos “deixar que simplemente ocorra, que se estenda sen maior espírito crítico e recursos de anticipación para aproveitar todo o que de bo pode achegar”. Para o ex reitor da USC, “a automatización do traballo irá cambiando progresiva pero aceleradamente o perfil e a actividade dos traballadores e das empresas, cuxa competitividade, e mesmo supervivencia, dependerá cada vez máis da súa capacidade para incorporar de xeito eficaz as tecnoloxías intelixentes nos seus produtos, servizos, procesos e modus operandi”.
E engadiu: “As organizacións e, sobre todo, os gobernos, deben ser conscientes de todo iso e anticipar as medidas que poidan paliar os efectos non desexados deste imparábel proceso”.
En palabras do catedrático da USC, as claves principais para o devandito sitúanse no seguinte: 1) a educación; 2) a innovación que han de desenvolver as organizacións ao redor das tecnoloxías intelixentes; e 3) a implantación de políticas públicas que incidan positivamente nas anteriores e despreguen ademais o necesario amparo socioeconómico a aqueles que de xeito inevitábel se verán desprazados ou desfavorecidos polo constante avance da automatización do traballo.

PUBLICIDADE