Senén Barro introdúcenos na revolución da intelixencia artificial

luns, 12 de xuño do 2017 Redacción

O director xeral de RedEmprendia, o galego Senén Barro, estará este 14 de xuño nas dependencias da Cámara de Comercio de Santiago para achegarnos aos novos sistemas tecnolóxicos que lles permiten (precisamente) aos sistemas tecnolóxicos calcular, xestionar datos, aprender, evolucionar e mesmo pensar coma nós o facemos. A conferencia Como vai cambiar a túa vida a intelixencia artificial? celébrase ás 20:00 horas no salón de actos da entidade compostelá. Insírese no seu ciclo anual de conferencias.
Senén Barro (As Pontes, 1962) é doutor en Física, investigador da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial do CiTIUS da Universidade de Santiago (USC). Foi reitor da USC entre 2002 e 2010, época na que impulsou o perfil innovador e emprendedor da universidade e desenvolveu o Campus Vida, recoñecido como Campus de Excelencia Internacional.
Barro foi vicepresidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (2008-2010) e, a día de hoxe, é o director xeral de RedEmprendia, unha rede de 28 das mellores universidades de seis países de América Latina, España e Portugal, orientada á transferencia de I+D e emprendimiento universitario.
Amais de todo isto, é socio fundador da spin-off Situm Technologies (da que falamos os días pasados dende Código Cero para dar conta do premio que vai recibir na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia de mans do CPEIG) e membro da Real Academia Galega de Ciencias.

PUBLICIDADE